Concello de Crecente

Patrimonio

Pazo do Barreiro
Lugar Serra nº 6 - 36429 Vilar - Crecente (Pontevedra)
Época: Século XVIII
Estilo: Barroco
Estado conservación: Bo
Titularidade: Privado
Este pazo está situado na parroquia de Villar.

Pazo de admirable beleza arquitectónica e paisaxista, datado no século XVIII aínda que foi levantado sobre unha construción anterior, as ruínas da Torre do Couto (1242, século XIII). Este exemplo de arquitectura barroca galega é considerado como un dos exemplares máis representativos da arquitectura "pacega" do Baixo Miño.

A súa estrutura responde a un pazo defensivo e estratéxico dende o punto de vista militar. As súas construcións son de granito con paredes de grande espesor. A planta é en forma de "U", constando de dúas ás laterais, unidas por balconada de pedra e escaleira dobre. A contra fachada dispón de patio no que hai dúas escaleiras con peitoril moldurado.

Dentro do recinto murado tamén se encontra unha capela baixo o padroado de San Mauricio. Esta capela presenta planta rectangular, porta alintelada, escudo e espadana dun só van e pináculos rematados en bólas. A cuberta é a dúas augas.

Ademais tamén posúe pombal e hórreo, o cal responde ás características da zona con estrutura de pedra e peche de madeira, destacando polas súas dimensións de cinco pés.

O pazo rodeado de terreo e monte, conserva restos de construcións defensivas que lle dan ao conxunto o carácter de baluarte estratéxico na guerra de independencia contra as tropas de Napoleón, pois desta familia propietaria do pazo era Don Mauricio Troncoso, caudillo do levantamento popular. A tradición di que na balconada do pazo se perfilou a batalla dos patriotas de Crecente contra as tropas do xeneral Soult, onde destacou a acción do abade do Couto.

Na fachada do devandito edificio sitúase o escudo da familia propietaria, os Troncoso de Lira Sotomayor e Gil de Araujo, descendentes dos primeiros condes de Crecente.

Os propietarios do pazo son titulares dos señoríos de "Liñares" e "Nogueiras", instituídos no século XVIII, que exercían o Padroado "in solidum" sobre varios curatos dos arciprestados de Valeixe e Crecente. Ademais estendían a súa vinculación e influencia cara a outras casas señoriais: Gil Araujo e Cervellón (Valeixe), Reguengo e Pombeiro (Mourentán) e, por último, Gomariz e Pazos de Arenteiro (Ourense).

Ademais desta importancia señorial, o Pazo de "O Barreiro" historicamente está unido á defensa do Reino de España nas guerras con Portugal, a Guerra de Sucesión, a Guerra da Independencia, e en todas as contendas civís do século XIX, cando os seus titulares asumiron a defensa da causa constitucional.

Fronte aos seus muros estivo a "marca fronteiriza" nos sucesos de 1388-1389, na ocupación definitiva de Melgaço polos portugueses, despois do fracaso do exército de Castela fronte a Lisboa, onde encontra a morte Don Pedro Ruiz Sarmiento, Adiantado Maior de Galicia e Señor das terras do Baixo Miño.

Da historiografía máis recente dicir que "O Barreiro" foi unha das bases máis importantes da guerra que sostivo García Sarmiento contra un sector da nobreza do Baixo Miño, aliada do Rei de Portugal.

"O Barreiro" foi asento das milicias do reino durante as Guerras Civís, xunto co señorío Das achas, defendendo a causa liberal, fronte a outras fidalguías aliadas do Carlismo.

A páxina máis gloriosa do pazo, inscríbese na Guerra de Independencia, como cuartel Xeneral da División do Miño, recrutada por Don Mauricio Troncoso de Lira e Sotomayor, Señor de "O Barreiro" e Abade do Couto, para loitar contra o exército de Napoleón, que dominaba o reino de Galicia.
 

Galería:

Localización:

Xunta de Galicia
Deputación de Pontevedra
BOE
Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra
DOG
Sede Electrónica Castastro
ORAL - Xestión Tributaria e Catastral
Portal de Transparencia
Concello de Crecente
  • Rúa Solís Ruiz, 5 - 36420 Crecente (Pontevedra)
  • Teléfono: (+34) 986 666 300
  • Email: info@crecente.es

Horario

  • De luns a vernes de 9:00 a 14:30

Parroquias

  • Albeos, Ameixeira, Angudes, Crecente, Filgueira, O Freixo, Quintela, Rebordechán, Ribeira, Sendelle e Vilar.

© 2020 Concello de Crecente - Todos os dereitos reservados // Deseño maquetación e programación web a medida Grupo5.com

Na nosa web utilízanse cookies propias e de terceiros con finalidade analítica e de márketing. Para continuar navegando é necesario aceptar a política de cookies.

Política de Cookies Aceptar